domingo, 22 de abril de 2012

Visita a Sargadelos


Ola!

Quero darvos unha benvida agarimosa ao blog Con ELE de LIBRO

Aquí atoparedes información sobre diversas actividades desenvolvidas no noso colexio e ofertas culturais para o tempo de lecer.

Comezarei contándovos a visita que fixemos cos alumnos de 3ºESO o pasado martes 17 de Abril á fábrica de Sargadelos en Cervo (Lugo).






Quero destacar que tivemos a fortuna de contar como anfitrión a un dos fillos de Isaac Díaz Pardo, Camilo Díaz Arias de Castro, con quen iniciamos un contacto a raíz do pasamento do seu pai, o 5 de Xaneiro deste mesmo ano.

Mantivemos varias conversas con Camilo Díaz, sempre atento co noso colexio, que están dando como froito un traballo homenaxe a Isaac Díaz Pardo que presentaremos na celebración do Día das Letras.

Visitar a fábrica de Sargadelos é sempre un pracer (eu mesmo diría que unha obriga para calquera galego, igual que peregrinamos a San Andrés de Teixido). Pero imaxinade a marabilla de coñecer Sargadelos da man de Camilo Díaz, quen, entre outros moitos méritos, ten o de ser o deseñador de todas as máquinas e fornos que alí se utilizan.





Contounos que o seu pai levouno a Arxentina con dezaoito anos, a estudar e traballar na fábrica "Porcelanas de Magdalena" que montou aló. Aquel país, moito mais avanzado que Galicia no ano 1965, foi fundamental na súa vida onde viviu doce anos: fíxose químico e inxenieiro ceramista, e coñeceu a compañeira da súa vida con quen casou. Na Arxentina, o seu pai dicíalle: "formate moi ben que Sargadelos vai ser moi importante". E no ano 1977, xa formado e con experiencia, seu pai reclamounos e retornaron a Galicia onde Camilo Díaz se incorporou ao proxecto Sargadelos, na Mariña Luguesa, onde vive ata o ano 2010. Foi administrador nos derradeiros quince anos e director de produción durante trinta.





Da man de Camilo Díaz visitamos a fábrica, pero ademais nos levou a ver o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, co museo Histórico na Casa da Administración. Tamén o Paseo dos Namorados e a antiga Presa.











As alumnas Ana María e Lucía fixeron unha gravación da visita e das conversas dese día. Agora estana editando para facer unha reportaxe que todos veremos na celebración do Día das Letras.

Velaquí algunhas fotos máis da visita:













Quédome cunha frase de Isaac Díaz Pardo que nos lembrou o seu fillo:
Os galegos teñen que coñecer a súa propia cultura, e vano facer aínda que sexa polos “cacharriños”
Que así sexa por moitos anos!

No hay comentarios:

Publicar un comentario