miércoles, 25 de abril de 2012

25 de Abril, Revolución dos Caraveis


Hoxe Portugal, o noso país irmán, celebra o aniversario da Revolución dos Caraveis. O 25 de Abril do ano 1974 o pobo logra derrotar a ditadura salazarista. O Movemento das Forzas Armadas (MFA) decide recorrer a un golpe de estado para derrocar o réxime, pero queren evitar unha guerra civil, polo que precisan ampliar o seu círculo de contactos.

A revolución comeza ás 22h55 do 24 de Abril, coa transmisión radiofónica de “E depois do Adeus”, de Paulo de Carvalho, como primeiro sinal, e o día 25 de Abril, ás 0:25 horas, a Rádio Renascença transmite “Grândola, Vila Morena”, una canción revolucionaria de José Afonso, prohibida polo réxime. Este será o segundo sinal, pactado polo MFA para ocupar diferentes puntos estratéxicos no país.

José “Zeca” Afonso compuxo esta canción como homenaxe á “Sociedade Musical Fraternidade Operaria Grandolense” da vila portuguesa de Grândola, na que actuou o 17 de Maio de 1964. Pero a súa primeira interpretación en vivo tería lugar en Santiago de Compostela, o 10 de Maio de 1972. Por iso é importante tamén para os galegos.

O 29 de Marzo de 1974, “Grândola, Vila Morena” foi a canción de peche dun espectáculo de AmaliaRodrigues no Coliseo de Lisboa, ao que asistiron varios militares do MFA que a escolleron como sinal de arranque para a Revolución.

Un dos fitos daquelas concentracións foi a marcha das flores en Lisboa. Os soldados que marchaban cara Lisboa pedíronlle caraveis a unha florista para colocalos nos fusís, como símbolo de que non desexaban disparar as armas.

Por iso, esta revolución coñécese como a dos “Cravos”, caraveis en portugués, e de aí que tal día coma hoxe, os portugueses agasállanse entre eles cun caravel como símbolo da Liberdade conseguida de maneira pacífica.

Os meus alumnos de 3º e 4º de ESO, sabedores de tal costume, sorprendéronme hoxe co agasallo dun caravel. Querían sumarse así a esta celebración. Mirade as fotos do momento:









Meus queridos alumnos: que o espírito que hoxe vivides, tan propio dos anos mozos, ao lembrar aquel momento histórico, vos acompañe durante toda a vida. E se co paso do tempo ese espírito se aplaca ou mesmo chega a desvanecerse, que teñades cerca a un rapaz que vos lembre as cousas que son verdadeiramente importantes, como me pasa a min con vós cada día. Grazas!


martes, 24 de abril de 2012

Do papel dos libros e dos libros de papel


Como xa vos anunciara, asistín onte á convocatoria no Obelisco para a manifestación en favor da lectura.

Finalmente decidin levar un libro de poesía: Consumir preferentemente, de Raúl Vacas. Os seus poemas converten o amor nun ben material de primeira necesidade, un produto que debemos buscar entre os artigos de luxo ou as ofertas dunha área comercial. En calquera caso, ten data de caducidade e pode que non admita devolución. Recoméndovos a lectura deste curioso poemario.



Á cita no Obelisco non acudiu tanta xente como cabería agardar para un acto cultural destas características. Observei ademais que entre os asistentes non había moitos mozos, feito que me preocupou.






Será que cada vez lemos menos? Iso é o que din os libreiros, porque xa non venden tanto como antes. É certo que a crise déixase notar en todos os sectores pero a lectura é unha peza esencial na cultura; así que, pode unha sociedade ser culta sen necesidade de ler? Cal é o papel dos libros?

Non serei eu quen dea resposta a esta última pregunta, pero se lle botamos unha ollada ao mundo do libro, vemos que a tecnoloxía está dando paso a novas formas de relacionarnos coa literatura. O libro de papel está cedéndolle sitio ao libro electrónico, que permite un acceso ás obras literarias moito máis económico.

Deberíamos tirar proveito destas innovacións, como non; pero permitídeme que vos conte agora por que escollín levar onte á manifestación o libro de Consumir preferentemente: porque téñoo asinado polo autor!



Insto os gurús da informática a que pensen nunha solución para que poidamos ter dedicatorias tamén no noso e-book!

lunes, 23 de abril de 2012

23 de Abril, Día do Libro




Encabezo hoxe a entrada con este vídeo tan orixinal feito por unhas bibliotecarias que pensan "sobrevivir" malia a crise que lles afecta. É moi divertido, espero que vos guste.

Hoxe é o Día do Libro, e con tal motivo a Agrupación de Libreiros de A Coruña organiza unha manifestación pública a favor da lectura no Obelisco ás 19:00 h.

Os asistentes deben levar cadanseu libro para logo proceder á súa lectura durante cinco minutos.

Agora mesmo estou a darlle voltas a unha pregunta típica dos malos xornalistas: que libro levarías a unha illa deserta? reformulada para esta ocasión en que libro levarei hoxe ao Obelisco?




Mentres me decido por un, preguntareivos cal levaredes vós e por que. Xa me contaredes.

Vémonos hoxe as 19:00 h. no Obelisco!!!


Boa lectura a todos.


domingo, 22 de abril de 2012

Visita a Sargadelos


Ola!

Quero darvos unha benvida agarimosa ao blog Con ELE de LIBRO

Aquí atoparedes información sobre diversas actividades desenvolvidas no noso colexio e ofertas culturais para o tempo de lecer.

Comezarei contándovos a visita que fixemos cos alumnos de 3ºESO o pasado martes 17 de Abril á fábrica de Sargadelos en Cervo (Lugo).






Quero destacar que tivemos a fortuna de contar como anfitrión a un dos fillos de Isaac Díaz Pardo, Camilo Díaz Arias de Castro, con quen iniciamos un contacto a raíz do pasamento do seu pai, o 5 de Xaneiro deste mesmo ano.

Mantivemos varias conversas con Camilo Díaz, sempre atento co noso colexio, que están dando como froito un traballo homenaxe a Isaac Díaz Pardo que presentaremos na celebración do Día das Letras.

Visitar a fábrica de Sargadelos é sempre un pracer (eu mesmo diría que unha obriga para calquera galego, igual que peregrinamos a San Andrés de Teixido). Pero imaxinade a marabilla de coñecer Sargadelos da man de Camilo Díaz, quen, entre outros moitos méritos, ten o de ser o deseñador de todas as máquinas e fornos que alí se utilizan.





Contounos que o seu pai levouno a Arxentina con dezaoito anos, a estudar e traballar na fábrica "Porcelanas de Magdalena" que montou aló. Aquel país, moito mais avanzado que Galicia no ano 1965, foi fundamental na súa vida onde viviu doce anos: fíxose químico e inxenieiro ceramista, e coñeceu a compañeira da súa vida con quen casou. Na Arxentina, o seu pai dicíalle: "formate moi ben que Sargadelos vai ser moi importante". E no ano 1977, xa formado e con experiencia, seu pai reclamounos e retornaron a Galicia onde Camilo Díaz se incorporou ao proxecto Sargadelos, na Mariña Luguesa, onde vive ata o ano 2010. Foi administrador nos derradeiros quince anos e director de produción durante trinta.





Da man de Camilo Díaz visitamos a fábrica, pero ademais nos levou a ver o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, co museo Histórico na Casa da Administración. Tamén o Paseo dos Namorados e a antiga Presa.











As alumnas Ana María e Lucía fixeron unha gravación da visita e das conversas dese día. Agora estana editando para facer unha reportaxe que todos veremos na celebración do Día das Letras.

Velaquí algunhas fotos máis da visita:













Quédome cunha frase de Isaac Díaz Pardo que nos lembrou o seu fillo:
Os galegos teñen que coñecer a súa propia cultura, e vano facer aínda que sexa polos “cacharriños”
Que así sexa por moitos anos!