martes, 24 de abril de 2012

Do papel dos libros e dos libros de papel


Como xa vos anunciara, asistín onte á convocatoria no Obelisco para a manifestación en favor da lectura.

Finalmente decidin levar un libro de poesía: Consumir preferentemente, de Raúl Vacas. Os seus poemas converten o amor nun ben material de primeira necesidade, un produto que debemos buscar entre os artigos de luxo ou as ofertas dunha área comercial. En calquera caso, ten data de caducidade e pode que non admita devolución. Recoméndovos a lectura deste curioso poemario.



Á cita no Obelisco non acudiu tanta xente como cabería agardar para un acto cultural destas características. Observei ademais que entre os asistentes non había moitos mozos, feito que me preocupou.






Será que cada vez lemos menos? Iso é o que din os libreiros, porque xa non venden tanto como antes. É certo que a crise déixase notar en todos os sectores pero a lectura é unha peza esencial na cultura; así que, pode unha sociedade ser culta sen necesidade de ler? Cal é o papel dos libros?

Non serei eu quen dea resposta a esta última pregunta, pero se lle botamos unha ollada ao mundo do libro, vemos que a tecnoloxía está dando paso a novas formas de relacionarnos coa literatura. O libro de papel está cedéndolle sitio ao libro electrónico, que permite un acceso ás obras literarias moito máis económico.

Deberíamos tirar proveito destas innovacións, como non; pero permitídeme que vos conte agora por que escollín levar onte á manifestación o libro de Consumir preferentemente: porque téñoo asinado polo autor!



Insto os gurús da informática a que pensen nunha solución para que poidamos ter dedicatorias tamén no noso e-book!

No hay comentarios:

Publicar un comentario