miércoles, 25 de abril de 2012

25 de Abril, Revolución dos Caraveis


Hoxe Portugal, o noso país irmán, celebra o aniversario da Revolución dos Caraveis. O 25 de Abril do ano 1974 o pobo logra derrotar a ditadura salazarista. O Movemento das Forzas Armadas (MFA) decide recorrer a un golpe de estado para derrocar o réxime, pero queren evitar unha guerra civil, polo que precisan ampliar o seu círculo de contactos.

A revolución comeza ás 22h55 do 24 de Abril, coa transmisión radiofónica de “E depois do Adeus”, de Paulo de Carvalho, como primeiro sinal, e o día 25 de Abril, ás 0:25 horas, a Rádio Renascença transmite “Grândola, Vila Morena”, una canción revolucionaria de José Afonso, prohibida polo réxime. Este será o segundo sinal, pactado polo MFA para ocupar diferentes puntos estratéxicos no país.

José “Zeca” Afonso compuxo esta canción como homenaxe á “Sociedade Musical Fraternidade Operaria Grandolense” da vila portuguesa de Grândola, na que actuou o 17 de Maio de 1964. Pero a súa primeira interpretación en vivo tería lugar en Santiago de Compostela, o 10 de Maio de 1972. Por iso é importante tamén para os galegos.

O 29 de Marzo de 1974, “Grândola, Vila Morena” foi a canción de peche dun espectáculo de AmaliaRodrigues no Coliseo de Lisboa, ao que asistiron varios militares do MFA que a escolleron como sinal de arranque para a Revolución.

Un dos fitos daquelas concentracións foi a marcha das flores en Lisboa. Os soldados que marchaban cara Lisboa pedíronlle caraveis a unha florista para colocalos nos fusís, como símbolo de que non desexaban disparar as armas.

Por iso, esta revolución coñécese como a dos “Cravos”, caraveis en portugués, e de aí que tal día coma hoxe, os portugueses agasállanse entre eles cun caravel como símbolo da Liberdade conseguida de maneira pacífica.

Os meus alumnos de 3º e 4º de ESO, sabedores de tal costume, sorprendéronme hoxe co agasallo dun caravel. Querían sumarse así a esta celebración. Mirade as fotos do momento:









Meus queridos alumnos: que o espírito que hoxe vivides, tan propio dos anos mozos, ao lembrar aquel momento histórico, vos acompañe durante toda a vida. E se co paso do tempo ese espírito se aplaca ou mesmo chega a desvanecerse, que teñades cerca a un rapaz que vos lembre as cousas que son verdadeiramente importantes, como me pasa a min con vós cada día. Grazas!


No hay comentarios:

Publicar un comentario